O Teatro Afundación da cidade olívica será o escenario do Concerto das Letras Galegas, promovido polo Consello da Cultura Galega para render homenaxe a Francisco Fernández del Riego, un optimista radical e vigués de adopción, ao que este ano dedicamos o Día das Letras Galegas.

A Real Filharmonía de Galicia, dirixida por Maximino Zumalave, contará co acompañamento do Coro de Cámara Rías Baixas, e interpretarán un programa musical que percorre os lugares queridos polo homenaxeado, da man de dous grandes compositores consagrados: Jesús Bal y Gay e Reveriano Soutullo.

A eles súmase o músico vigués Brais González Pérez, que compuxo por encargo do Consello da Cultura Galega a obra Sinfonietta. Esta obra orixinal para coro e orquestra foi composta sobre textos de Salvador García-Bodaño e Xaime Isla Couto, dedicados a Francisco Fernández del Riego. A súa estrea absoluta pechará o Concerto das Letras Galegas 2023, e gustaríanos contar coa vosa compañía para celebrar a vida e o legado deste incasable traballador do país que foi don Paco.

Concerto das Letras Galegas’23
Lugar: ​Teatro Afundación (Vigo)
16 mayo 2023 – 20.30 h.
Reserva de entradas
Entrada gratuíta ata completar aforo.


PRESENTACIÓN

DE LOURENZÁ A VIGO, GALICIA ENTEIRA
Rosario Álvarez. Presidenta do Consello da Cultura Galega

Convocámosvos un ano máis para nos acompañardes no Concerto das Letras Galegas na noitiña do 16 de maio, na véspera do día grande en que todos os galegos e galegas, Galicia toda, somos chamados pola Real Academia Galega para homenaxear cunha soa voz unha personalidade sobranceira no país dos bos e xenerosos. Hogano a de Francisco Fernández del Riego (Vilanova de Lourenzá, 1913 – Vigo, 2010), ese optimista radical e traballador infatigable que dedicou a súa longa e frutífera vida (case un século!), en loita contra as circunstancias máis adversas, a concibir e levar adiante proxectos colectivos para salvagardar a cultura de todos nós, a soñar e pór os alicerces dun futuro esplendoroso, a servir de elo entre xeracións en cadea ininterrompida, a levantar as varandas que conectasen as dúas beiras do mar, a propiciar espazos de encontro colaborativo entre as artes…, a facer país.

O Consello da Cultura Galega únese á celebración con diversas actividades, entre as que ten un lugar sobranceiro esta cita anual que une música e palabra, a 13ª edición do Concerto das Letras Galegas. Botámolo a andar en 2011 en San Domingos de Bonaval, ao pé do Panteón de Galicia, entón dedicado a Lois Pereiro. Acompañábanos xa daquela a Real Filharmonía de Galicia, dirixida por Maximino Zumalave; en 2023 estará acompañada do Coro de Cámara Rías Baixas. O programa, que viaxa tamén pola xeografía amada polo homenaxeado, da man de grandes compositores consagrados, fai un aceno aos tempos do Seminario de Estudos Galegos e ao exilio republicano (Jesús Bal y Gay, Lugo, 1905 – Torrelaguna, 1993), á música de raíz tradicional e á que formou parte da paisaxe sonora nas terras meridionais en que se asentou o noso homenaxeado (Reveriano Soutullo, Ponteareas, 1880 – Madrid, 1932).

Coma en todas as edicións anteriores, salienta a estrea absoluta dunha peza nova, Sinfonietta, encargada polo Consello da Cultura Galega a Brais González Pérez (Vigo, 1987). Música contemporánea para Francisco Fernández del Riego —ou don Paco, como gustabamos de lle chamar, e el agradecía o cariño do hipocorístico—, neste caso a partir de dous poemas dedicados a el por Salvador García-Bodaño («Cabeleira de néboas»), que nos acaba de deixar, e polo seu compañeiro e cómplice Xaime Isla Couto («Corazón do país»), sempre de saudosa memoria. Estamos certos de que el animaría este diálogo interxeracional e aplaudiría o recoñecemento da excelencia creativa das xeracións máis novas.

Quen non poida acompañarnos no Teatro Afundación Vigo (antigo Teatro García Barbón) poderá seguirnos a través do web do Consello da Cultura Galega e todos, ao día seguinte, na programación da segunda canle da TVG. Dun xeito ou outro, unídevos connosco á festa.

Feliz Día das Letras 2023!

Categorías: Novas