Brais González


Brais González é un dos pianistas máis eclécticos da súa xeración, cunha carreira que estivo sempre dividida entre a interpretación clásica, unha extensa labor como acompañante e músico de cámara e un interesante percorrido como compositor e creador de realidades sonoras que buscan sempre xuntar universos estilísticos diversos, desde a música contemporánea ao folk, o indie ou a música cinematográfica.

Os seus traballos discográficos como solista sintetizan todos estes mundos, e neles Brais trata de propoñer un paseo por paisaxes que sempre se debuxan arredor da improvisación.

Naceu en Vigo en 1987 e inicia os seus estudos de piano na súa cidade cos profesores Aleksandras Jurgelionis, Aldona Dvarionaité e Ricardas Biveinis, con quen tamén estuda composición. Continúa a súa formación na Universidade Mozarteum de Salzburgo (Austria) baixo a dirección do pianista Rolf Plagge, completando tamén os seus estudos no Conservatorio Superior de Vigo con Severino Ortiz e no Conservatorio Superior de Oviedo.

Asistiu a clases maxistrais con numerosos profesores e concertistas, entre os que destacan Oxhana Yablonskaya (Juilliard School de Nova York), Vitaly Margulis (UCLA), Galina Egiazarova (Escola Superior de Música Reina Sofía), Luiz de Moura Castro (Hartford School), Jun Kanno, Niklas Sivelov, Leonel Morales, Julius Andrejevas, Rina Dokshitsky, Carles Marqués, Vlad Dumilescu e Luis Fernando Pérez.

En 2013 é premiado na XVIII edición do Concurso Internacional Cidade de San Sebastián. En 2012 obtén o premio ‘Gregorio Baudot’ no XXVI Concurso Internacional Cidade de Ferrol. Tamén foi galardoado co premio especial da Fundación Musical de Málaga á mellor interpretación de música española. En 2006 obtén o primeiro premio na categoría absoluta do Concurso Internacional “Real Club Náutico de Vigo”. Foi galardoado no X Concurso Internacional Ricard Viñes (2004), I Concurso Asociación Galega de Intérpretes (2004), XII Concurso Internacional Maria Campina (Portugal, 2004), Concurso Alto-Minho (Portugal) onde ademais obtivo o premio á mellor interpretación de obra portuguesa (2003), Concurso Rexional para Jóvenes Intérpretes “Real Club Náutico de Vigo” (1998, 2000 e 2002) e IV Concours International de Piano Nikolai Rubinstein de París (1999).

Actuou como solista en diversas cidades de España, así como en Portugal, Francia, Austria e Alemaña. Consagrado á súa labor como pianista acompañante e músico de cámara, o seu traballo en diferentes conxuntos levouno a estar presente nos principais festivais galegos e a actuar tamén en Holanda, Bélxica, Noruega, Polonia, Lituania, Letonia, Estonia, Eslovaquia, Hungría, Serbia, Reino Unido e Italia. Desde 2019 é membro de Trío Bórea, unha formación camerística que aboga pola integración das novas tecnoloxías dixitais para crear contidos interactivos e experiencias de concerto inmersivas no ámbito da música de cámara.

Como compositor, as súas obras sinfónicas foron interpretadas por distintas orquestras galegas e portuguesas e dirixidas por mestres como Javier Viceiro, Christopher Bochmann, Iminas Kucinskas e Isabel Rubio. Foi Director Artístico do colectivo artístico afincado en Málaga Bramnova e desde 2013 dirixe e coordina Caspervek Ensemble, formación dedicada a musicalizar cine mudo en directo coa que actuou en máis dunha ducia de países europeos. Desde o ano 2022 as súas obras publicanse en exclusiva na editorial austríaca Universal Edition.

Desenvolveu tamén unha extensa carreira en diferentes xéneros como o folk, o jazz, a electrónica ou as músicas improvisadas colaborando con artistas tan diversos como Peter Arnesen, o grupo indie Cervan, a Orquesta Gharbo ou Nelson Quinteiro e a poñer a música ao servizo doutras artes como a poesía ou o teatro. Colaborou compondo música para distintos espectáculos da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e con distintos colectivos teatrais como CinemaSticado.

Desde 2017 co-dirixe o programa de radio online Anónimo IV dedicado á investigación e divulgación musical, que se situou como unha das referencias entre os podcasts de música clásica en castelán nestes últimos anos.

En agosto de 2022 estreou a sua primeira ópera, Loba Branca, no Festival delle Nazione de Città di Castello (Italia), baseada nunca lenda tradicional da serra do Courel.

A súa segunda ópera, Brinca! estreouse no Pazo da Cultura de Pontevedra en maio de 2023 a cargo da Orquestra Sinfónica de Pontevedra. Ese mesmo mes, a Real Filharmonía de Galicia e o Coro de Cámara Rías Baixas estrearon Sinfonietta, unha pequena sinfonía coral comisionada polo Consello da Cultura Galega.

Dende o mes de maio de 2023 é o director artístico do Coro de Cámara Rías Baixas.

BRAISGONZALEZ.COM