O Coro de Cámara Rías Baixas presentouse en xaneiro de 2014 en Vigo coa finalidade de suplir a carencia de formacións corais que puideran colaborar con orquestras, bandas e grupos de cámara no sur de Galicia. A súa pretensión inicial tamén consistiu en impulsar novos solistas e servir de ferramenta a compositores noveles e consagrados da zona das Rías Baixas.

Dende a súa fundación, o coro realizou actuacións tanto de xestión propia como programadas en diversos ciclos ou festivais tales como Outono Lírico, Vigo Sinfónico, Ciclo de Música Relixiosa de Barcia de Mera, Nas Ondas, Pórtico Sonoro, Explurart, Cooltural Cambados e Festival Groba.

Nestas actuacións foron interpretadas diversas obras fundamentais do repertorio coral en auditorios e igrexas das catro provincias galegas, tanto a capela como con acompañamento instrumental. Mostra delas son a Petite Messe Solennelle de G. Rossini (versión para dous pianos), o Requiem en Do menor de L. Cherubini, a Music for the Funeral of Queen Mary de H. Purcell, fragmentos da Misa en Re de A. Dvorák, a Misa da Coroación de W. A. Mozart, o Requiem en Re menor de G. Fauré, o Requiem de W. A. Mozart ou o Gloria, de A. Vivaldi. Ademais, participou nun Mesías colaborativo, na gravación do documental Corrente do Golfo co pianista Alberto Conde e actuou nas óperas Rigoletto, Macbeth, Tosca e El barbero de Sevilla. Estreou obras como Van Comigo e a versión para orquestra de corda da cantata Anxos de Compostela de Rogelio Groba, a composición coral inspirada nas sete Cantigas de Amigo de Martín Códax e a banda sonora para a película La Pasión de Juana de Arco co ensemble Caspervek, ambas compostas por Brais González, así como a obra Duns folios que foron brancos de Miguel Matamoro conxuntamente con outros coros de Galicia.

Dentro do repertorio clásico a capella, o coro ten interpretado obras de compositores que abranguen todas as épocas da historia da música, tales como Cristóbal de Morales, Tomás Luis de Victoria, Wiliam Byrd, Johann Sebastian Bach, Wolfgang Amadeus Mozart, Félix Mendelssohn, Charles Villiers Stanford e G. Forbes, entre outros. Ademais inclúe no seu repertorio obras de compositores galegos, como por exemplo Joam Trilho (Ingemisco, Eucarística), Julio Domínguez (Ave María), D.G. Artés (Alleluia), o antedito Brais González ou Francisco Rey Rivero (Dúas cantigas de namorada).

O coro traballou ao longo destes anos con agrupacións instrumentais como a Orquestra de Cámara Galega, a Orquestra de Cámara Rías Baixas, a Orquestra Sinfónica de Galicia, a Orquestra Sinfónica Vigo 430 ou a Real Filharmonía de Galicia, así como o Ensemble Vigo 430, a Orquestra Barroca Vigo 430, o ensemble Caspervek e os grupos de metais Tuvara Brass e Brass CCRB. Ademais de actuar habitualmente baixo as ordes do seu director titular, Bruno Díaz, o coro tamén ten actuado baixo a dirección dos mestres Paul Goodwin, Rogelio Groba, Vicent Alberola, Diego García, Maximino Zumalave ou Lina Tur Bonet. A formación ven colaborando habitualmente con pianistas do talle de Alejo Amoedo e Brais González e ten acompañado a solistas como, entre outros, Luis Cansino, Olena Sloia, Fabián Lara, Pablo Carballido ou Beatriz Riobó.

Desde o ano 2015, o Coro de Cámara Rías Baixas, forma parte do Plan Cultural da Deputación de Pontevedra, que apoia e promove o desenvolvemento das expresións artísticas na provincia. Desde o ano 2016, o coro tamén é membro da ACOPOVI (Asociación de Coros Polifónicos de Vigo), unha entidade que fomenta a colaboración e intercambio entre os coros da cidade.

A partir do ano 2017, o coro iniciou unha colaboración estreita con Amigos da Ópera de Vigo, participando nas súas producións operísticas e enriquecendo a escena musical viguesa coa súa voz coral. Esta alianza coa prestixiosa asociación musical amosa o compromiso do Coro de Cámara Rías Baixas coa promoción e difusión da ópera na rexión.

Desta forma, o coro consolida a súa presenza e o seu labor artístico, colaborando activamente con diferentes institucións e asociacións musicais para enriquecer a oferta cultural da cidade de Vigo e do sur de Galicia.


Plantilla

Sopranos

  • Noelia Ratel
  • Marta González
  • María del Pilar Bahamonde
  • Cruz Vázquez
  • Julia Turner

Altos

  • Marta Barrecheguren
  • Uxía Matos
  • María de los Santos Gago
  • Sabela Girón
  • Cristina Louzán
  • Olalla Vidal
  • Cristina Trillo
  • Mariña Río
  • Pilar Posada

Tenores

  • Jesús Garre
  • Juan Carlos Pardo
  • Ramón Canle
  • Juan Antonio Gómez

Baixos

  • Miguel Neira
  • Eduardo A. Ortiz
  • Carlos M. Movilla
  • Rubén Troitiño

Director artístico: Brais González

Gestión y administración técnica

Presidenta: Noelia Ratel
Secretario: Juan Carlos Pardo
Tesoureira: Cristina Trillo
Vogal: Marta González

Comunicación: Rubén Troitiño
Diseño web: Carlos M. Movilla